Varios compañeiros e compañeiras do noso instituto presentáronse como participantes ao certame de vídeopoemas en galego convocado este curso pola Casa – Museo Manuel María (Outeiro de Rei, Lugo). Dúas rapazas de primeiro de bacharelato, Marta Campos e Sara Casanova, conseguiron chegar á final ao quedar entre as dez mellores dun total de setenta concursantes, o que ten moito mérito.

Como finalistas foron convidadas pola organización a un acto onde se elixirían os tres gañadores de entre os dez traballos seleccionados. A este evento, que tivo lugar o 20 de maio, acudiron os seus familiares e algunhas amizades. O programa foi breve e ameno, realizouse unha proxección dos dez vídeos finalistas, e despois, mentres se lle deixaba tempo ao xurado para decidir cales eran os mellores, houbo unha pequena actuación de maxia, moi divertida, onde unha das nosas compañeiras saíu como voluntaria! Ao rematar esta actividade, o xurado anunciou os videopoemas gañadores e entregou os premios correspondentes.

Aínda que non foron as gañadoras, foi toda unha experiencia acudir ao evento: coñécense rapaces/as doutros colexios de distintos lugares, percíbense as distintas técnicas empregadas na elaboración dos vídeos… e por suposto, a actuación do mago fai que pases un pedazo moi agradable!

Para o ano, tentaremos aumentar a cantidade de participantes do IES de Quiroga no certame e probaremos sorte outra vez…