De San Rosendo a Oseira

O pasado 25 de abril os alumnos e alumnas de relixión do IES de Quiroga visitamos Ourense. Esta excursión levounos a diversos lugares de interese. A nosa intención era compaxinar estas visitas nun único desprazamento á cidade.

Cando chegamos dirixímonos á fundación San Rosendo que celebra o seu 25 aniversario. Ten a súa orixe en Cáritas Diocesana de Ourense. O obxectivo que ten é prestar axuda e contribuír ao benestar dos colectivos máis desfavorecidos de Galicia dende unha perspectiva de integración e participación na sociedade; tamén pretenden xerar un valor engadido na contorna na que se integran os centros asistenciais.

A visita dividiuse en dúas partes: unha adicada a xente nova (de 18 a 60 anos), que por distintos motivos ten algunha lesión ou discapacidade física, psíquica ou mental e outra pensada para anciáns que xa non se valen por si mesmos ou precisan certa axuda. A visita comezou por este último colectivo: visitamos o recinto e estivemos falanco coa xente, ademais explicáronnos como funciona a fundación. Logo dirixímonos a outra parte, á da xente de menor idade. Neste recinto tamén visitamos as instalacións e comentáronnos que tiñan unha piscina para rehabilitación que foi unha das pioneiras en España. Por último puxéronnos un vídeo mostrando as actividades que realizaban e as excursións que facían.

Xa cando nos estabamos a ir, as coidadoras sorprendéronnos con chocolate quente e churros, galletas e bombóns. Non podíamos dicir que non a esa invitación!

Despois de agradecerlles a súa acollida, desprazámonos ata o Clautro de San Francisco e ao Museo de Escultura que se atopa no mesmo lugar, polo que aproveitamos para separarnos en dous grupos e repartirnos en dúas quendas entre as instalacións para velas. No Museo vimos dende as primeiras mostras de escultura relixiosa en pedra (tanto do paganismo como do cristianismo), ata un magnífico cabaleiro feito en madeira a tamaño real. O Claustro de S. Francisco percorrémolo contemplando a súa beleza mentres liamos un texto sobre o mesmo, para saber algo da súa historia.

Despois disto, fixemos unha parada na área comercial de Ourense para comer e marchamos cara ao novo destino: o mosteiro de Oseira. Orixinario do s.XII, cóntase entre os grandes monumentos da nosa comunidade. Pola súa magnificencia foi denominado por algúns o “Escorial galego”. Ademais foi a primeira fundación do Císter en Galicia.

Neste mosteiro viven monxes que ademais de realizar a súa función relixiosa, fabrican produtos alimenticios, licores e chocolates cos que conseguen cartos para manter o mosteiro en pé. Despois dunha completa visita guiada onde nos contaron a historia do edificio e nos mostraron a arte arquitectónica do mosteiro, dirixímonos á tenda onde se atopaban os produtos que os monxes realizaban.

Despois desta longa travesía regresamos a Quiroga con ganas doutra saída tan interesante coma a que acabábamos de realizar. Esperamos que sexa pronto!

Ariadna del Pont Expósito, María Dolores Rodríguez Arza (3º ESO)