EMILY GONZÁLEZ GALLEGO. 4ºESO.

Europa obriga aos bancos españois a devolver o cobrado pola “cláusula suelo”
Nos últimos anos os contratos entre bancos e os seus clientes deron moito que falar, fai un tempo víase na televisión á xente protestando ante bancos e xulgados polas chamadas “preferentes”, e máis recentemente puxéronse de actualidade as protestas pola chamada “cláusula suelo”. Pero… que é en realidade isto?
Aínda que non son unha experta en economía xa que é o primeiro ano que estudo esta materia, creo poder darvos unha sinxela explicación: as familias cando compran unha vivenda na maioría dos casos non contan con cartos suficientes para pagala, polo que van ao banco a pedir un préstamo, éste préstalles os cartos que elas devolverán mensualmente ao longo de varios anos xunto cuns intereses: é o que coñecemos como o pago da hipoteca. O tipo de interese aparece no contrato e pode ser a tipo fixo, sempre o mesmo, ou a tipo variable. A maioría das hipotecas en España están referenciadas ao Euríbor, unha tasa de intereses que se calcula a nivel europeo e varía constantemente, polo tanto o tipo variable de interés da hipoteca será o Euríbor máis un x% .
A cuestión é que, ante a variación constante do Euríbor, en moitas hipotecas inclúense cláusulas solo; o banco incluía nos contratos uns topes por abaixo nos que os intereses nunca poderían reducirse (“suelo” = tope inferior).
Durante os últimos anos este valor de referencia, o Euríbor, baixou, polo que o que teríamos que pagar pola nosa hipoteca tamén debería de diminuír. Aquí está o conflito e o porqué das protestas, xa que moitas hipotecas debido a “clausula suelo” impedían que as familias se beneficiasen desa baixada.
A isto hai que engadir que no contrato das hipotecas esta cláusula non está clara: aparece enmascarada cunha redacción pouco transparente, entre unha gran cantidade de información que distrae ao consumidor. A xustiza europea recoñeceu agora estas malas prácticas e obriga a todos os bancos de España a devolver aos consumidores/as o diñeiro que gañaron con estas “cláusulas suelo”.