No instituto da montaña están a elaborar un vídeo documental sobre o paso da vía romana nos Ancares
O alumnado de 3º de ESO do IES de Becerreá desprazouse a semana pasada ó Corgo para visitar sobre o terreo restos da vía romana XIX, que están a estudar no instituto dentro dun proxecto interdisciplinar, co obxectivo de elaborar un vídeo documental no que darán a coñecer o paso da calzada polos concellos dos Ancares. No Corgo foron recibidos polo historiador Javier Gómez, profesor do IES Ollos Grandes de Lugo, e Doctor en Historia e Arqueoloxía pola USC, que logo dunha pequena explicación teórica no Centro Cultural, os guiou ata os restos da calzada romana, descubertos grazas as investigacións do Proxecto Vía Künig, no que Javier Gómez está a traballar, e que actualmente os pon en valor.
Os restos da Vía XIX que se poden ver no Corgo son maioritariamente os agger, consistentes en pequenas elevacións artificiais que as calzadas tiñan na súa parte central para evacuar a auga drenándoa aos laterais da vía; ese avultamento do terreo, que é a principal pista que hoxe permite identificalos, é o motivo de que en galego os denominemos lombos.
Os lombos que o alumnado visitou no Corgo atravesan camiños, están agochados no medio de reboleiras, ou mesmo ocultos pola maleza, xa que despois de dous mil anos o trazado da vía romana non adoita coincidir cos camiños actuais. Coas pistas de Javier, os participantes puideron redescubrir por si mesmos estes lombos, o que require boas capacidades de observación para alguén que non sexa especialista. No Corgo consérvase tamén un miliario, equivalente a un marco quilométrico das nosas estradas. A pesar de que está integrado nun muro de peche de fincas, os avezados escolares ancareses foron quen de identificalo.
O alumnado de Becerreá marchou do Corgo coa lección ben aprendida e preparados para descubrir restos da Vía XIX nos concellos da montaña, onde o seu trazado aínda plantexa controversia precisamente pola falta de restos: só hai coñecemento dun agger no Comeal (en Cervantes) e é posto en dúbida por parte dos investigadores.

A Vía XIX era xa unha “autovía”.
Estes pequenos tramos de calzada que se conservan permítennos coñecer como eran na antigüidade as vías romanas principais, coas que todo o Imperio estaba perfectamente comunicado. Javier explicou que se trataba de auténticas “autovías”, cunha anchura duns sete metros que permitían dous sentidos de circulación para os carros ou traslado de tropas con armamento pesado. As vías romanas principais, como a nosa XIX, unían cidades importantes da forma máis directa e rápida, sen deterse nos pobos, do mesmo xeito que as autovías actuais. Esta similitude coas nosas estradas explícana tamén os alumnos de latín: unha xornada de viaxe estaba perfectamente establecida polas pousadas ou mansións, que eran aloxamentos para durmir e cear situados no principio e fin de cada etapa. Existían tamén puntos intermedios a modo de gasolineiras, que servían para repoñer forzas, reparar os carros ou repoñer os tiros, coñecidos como mutacións.
A principal vía da Gallaecia era a Vía romana XIX, que unía as cidades Asturica, Lucus e Bracara, en trinta etapas. O trazado da vía romana XIX na nosa provincia era moi similar aos trazados actuais da nosa nacional VI e A6, o que indica os avanzados coñecementos de enxeñería dos romanos. De feito, o trazado da Vía XIX polos concello de Cervantes, foi a primeira proposta para a autovía A6, desbotada por cuestións medioambientais.
A Vía XIX entraba en Galicia polo Comeal (Cervantes), e descendía polos vales cervantegos ata alcanzar o río Navia, xa en terras de Becerreá. Esta etapa de entrada en Galicia, que coñecemos polo Itinerario Antonino, un documento do século III, eran vinte millas romanas, o equivalente a uns trinta quilómetros, entre Vega de Valcarce e Pontes de Gatín, coñecida entón como Ponte Neviae. E Pontes de Gatín había unha mansión. A seguinte etapa, de doce millas romanas ou dezaoito quilómetros, transcurría entre Ponte Neviae e Timalino (en Baralla). Ao seu paso polo Concello de Becerreá, a vía contaba cunha mutatione na desaparecida villae de Vilarín, que estaba no entorno da actual Ouselle.
A Vía romana XIX creada polo emperador Augusto, situou á Gallaecia na modernidade do mundo entón coñecido, porque como explicou Javier as calzadas principais permitían mobilizar tropas ou levar correos para situar aos romanos na vangarda da antigüidade.