O redactor xefe de El Progreso, José Manuel Freire, impartiu unha charla a alumnos de primaria e secundaria do colexio San José

O proxecto educativo Escola de Prensa El Progreso xa botou a andar nunha chea de centros de educación primaria e secundaria de capital lucense e tamén do resto da provincia. Xa son moitos os alumnos que están coñecendo máis de preto o mundo do xornalismo, como se fai un periódico e, o que é máis importante, quedándose con moitas ensinanzas nese proceso.
Non se trata só de teoría senón que esta iniciativa pioneira posta en marcha polo xornal lucense ten unha compoñente eminentemente práctica. Os pícaros elaborarán o seu propio periódico, controlando o proceso de principio a fin, desde recabar a información que dea lugar aos feitos noticiables ata plasmala finalmente nun xornal físico. E aí foi onde lles botou unha man aos rapaces de quinto e sexto de primaria e aos dos catro niveis de secundaria do colexio San José da capital lucense o redactor xefe de El Progreso, José Manuel Freire. Da súa man, a dun profesional con moitos anos de experiencia no eido do xornalismo, os alumnos, divididos en dez grupos que elaborarán outros tantos xornais, recibiron explicacións sobre o funcionamento do Scribus, un sistema de edición de fácil manexo co que os rapaces poderán introducir tanto os textos como as fotos en cada páxina do seu xornal. Nese punto xurdiron as dúbidas e a curiosidade, sobre todo dos máis pequenos, en cuestións como o xeito de meter as fotos, se se pode colocar máis dunha en cada páxina…
Unha por unha, José Manuel Freire foi dando resposta ás súas cuestións. Os pícaros levantaban a man e agardaban a súa quenda para resolver as dúbidas, impacientes xa por ter tódolos instrumentos ao seu alcance para comezar a exercer de aprendices de xornalistas.
Ao marxe das cuestións máis técnicas, o traballo do profesional da información en si mesmo foi o que máis curiosidade espertou. Querían sabelo todo, desde como se elixe e se accede a un personaxe para facerlle unha entrevista ata se é obrigado recollela nunha gravadora como tantas veces teñen visto nas películas.
Trala conversa co redactor xefe de El Progreso todo quedou moito máis claro. Están desexando que os seus xornais comecen a tomar forma. E, quen sabe, ao mellor algún está entre os tres gañadores do concurso e acaba impreso nas rotativas do periódico de Lugo.