O pasado luns 22 de xaneiro tivo lugar no noso IES a charla “Cal ti es, así me dis” do programa “A Ponte”, impartida por María Álvarez de la Granja, doutora en Filoloxía Galega, profesora de galego na USC e membro do ILG.
Nesta actividade tratouse o tema da fraseoloxía galega e a idiosincrasia. A fraseoloxía é o conxunto de expresións ou frases feitas propias dunha lingua concreta, é dicir, reflicte as características da fala de cada cultura ou sociedade; e a idiosincrasia é aquilo propio do pobo.
Ela explicounos a relación entre estes dous termos, así como as unidades que hai na fraseoloxía: refráns, que se presentan como unha verdade (“dálle Deus pan a quen non ten dentes”); locucións, que son equivalentes a algunha categoría gramatical en canto ao seu uso (“tirar do carro”, “encher o ollo”); e fórmulas, que teñen unha función práctica e dependen da situación (“bo proveito”, “carne de burro non é transparente”).
Despois explicounos a diferenza da nosa fraseoloxía con respecto á doutras linguas (en Galicia temos moitos refráns relacionados con actividades agrícolas, por exemplo, “xullo arder e patacas a coller” ou co dereito tradicional, “a castaña que está no camiño é do veciño”, mentres que noutros lugares relaciónanse coa astronomía). E tamén falou dos aspectos comúns á fraseoloxía en distintas linguas, xa que todas as persoas temos experiencias físicas, psicolóxicas e sociais semellantes. Por exemplo, a palabra man atópase en expresións de moitos idiomas (mesmo de diferente orixe): para facer referencia ao traballo (en galego, man de obra), para expresar castigo (levantar a man, tomar a xustiza pola man) ou para expresar posesión (caer nas mans de alguén). Isto é porque todos os seres humanos a forma básica de traballar é manual, a forma básica de castigar é bater coa man e a forma básica de posuír algo é collelo coa man.
Moitas destas unidades fraseolóxicas foron difundidas grazas ao texto escrito, ás persoas cultas, aos textos sagrados ou aos clásicos grecolatinos. Ademais, unha gran parte delas teñen a súa orixe no latín, na Biblia (por exemplo “lavar as mans”) e nas fábulas e historias da cultura clásica (caso de “lobo con pel de ovella” ou de “buscar unha agulla no palleiro”), de xeito que chegaron a moitas linguas e por iso teñen unha distribución xeográfica moi común en Europa.
Actualmente hai libros que recollen e exemplifican a fraseoloxía propia da lingua galega, como un dicionario que María Álvarez nos amosou. Un gran estudoso disto é Xesús Ferro Ruibal, que presentaba o programa “Ben Falado” na TVG (do que vimos un anaco) e cuxo discurso de ingreso na RAG foi “Cadaquén fala coma quen é” (está colgado na rede).