No noso instituto hai uns anos que está en funcionamento o Club de Lectura Libromanía, no cal participan alumnos e alumnas, pero tamén persoas adultas. Os participantes de cada sección reúnense e deciden que libro van ler, e posteriormente volven xuntarse para comentalo, xeralmente compartindo tamén algo para picar.
En novembro houbo unha sesión para falar de Al sur de la alameda e tivemos o privilexio de contar cunha persoa con familia en Chile (Nelson Avilez, profesor de inglés), que nos serviu de apoio para comentar certos aspectos desta obra. El díxonos que este tipo de movementos reivindicativos eran cíclicos en Santiago de Chile, e que cando se ían producir, un tempo antes notábase xa no ambiente.
Este libro relata uns días da vida dalgúns alumnos dun colexio de Santiago de Chile, onde se produce un movemento estudantil: a «Revolución Pingüina». Nicolás, o protagonista, é un dos estudantes que participa na toma, pero non é a intención de protestar o que o leva a quedar alí, polo menos nun primeiro momento, senón a atracción amorosa que sente por unha rapaza, Paula «a Francesa».
Alí dentro soamente a ten a ela, pois ningún dos seus amigos participa nesta reivindicación. A raíz deste encerro na escola, con escaseza de recursos de subsistencia, o protagonista descubrirá que persoas moi próximas a el participaran nun acontecemento similar no pasado.
Esta experiencia sérvelle a Nicolás para ter outra perspectiva, para ser máis consciente da realidade que o rodea e para enfrontarse aos seus medos.
A historia que se conta neste libro xera suspense, porque os personaxes son vixiados desde o exterior do edificio por alguén descoñecido e nada é o que parece. Nesta situación, o rapaz protagonista adquire certa autonomía ao participar nas reivindicacións sociais e ter que tomar decisións (trátase dunha novela de aprendizaxe).
Al sur de la Alameda ten un formato pouco común, combinando a narración «convencional» (o texto) e a narración con imaxes (como podemos observar tamén en obras como La invención de Hugo Cabret). Estas imaxes narran a historia desde outra perspectiva: é o punto de vista dunha muller que observa o colexio dende a súa casa, mentres que o texto conta o que ocorre desde o punto de vista do protagonista, Nicolás.
Podemos percibir tamén unha distinción na cor dos debuxos segundo o lugar onde transcorren os feitos (vermello, no exterior; azul, no centro educativo).
Nesta historia trátanse dous movementos estudantís moi similares pero que tiveron lugar en distinta época: na actual, cando participan Nicolás e Paula, e nos anos 80, feitos que descubrirán a partir de fotos dun libro no que aparecen os pais del e a persoa descoñecida que os vixía.
O libro gustounos moito, tanto polo argumento como polo xeito de contar os feitos. O formato combinado de ilustracións e texto resulta moi atractivo, especialmente para os/as adolescentes, pero tamén para o lector en xeral. Neste caso achegounos a uns acontecementos de certa importancia que, de non ser por esta lectura descoñeceriamos. É dicir, favorece a difusión desta realidade que nos resulta tan allea ao non termos unha experiencia similar, e xera interese por coñecela mellor.
Chamounos a atención este tipo de mobilizacións, encerrándose en colexios e institutos, pasando fame, durmindo no chan e ás veces pasando frío, porque non é típico na nosa cultura. Nós, para manifestarnos, realizamos folgas; todo o mundo se suma a unha folga, pero poucas persoas participarían nunha actuación semellante á que se relata no libro, xa que esixe maior sacrificio e compromiso.
Tamén falamos da presenza de referencias a outras obras literarias neste libro, en concreto a O señor das moscas de William Golding e á poesía de Paul Éluard. Para pechar a sesión lemos “Couvre-feu”, un poema deste autor que aparecía nun momento importante do relato.