“Non é necesario ser un gran debuxante para ser un bo autor de cómic”

Manel Cráneo estivo no noso centro o 30 de xaneiro, Día da Ilustración, para realizar o obradoiro de ilustración “Un paseo entre viñetas”. O alumnado do Club de Lectura fíxolle unha entrevista antes de comezar a actividade. Aquí tedes, en síntese, o contido desa conversa.

Cal foi o teu primeiro contacto co mundo do cómic?
O meu primeiro contacto co mundo do cómic foi hai tantos anos que xa nin me lembro, pero desde a miña máis pequena infancia porque meu pai cando era pequeno mercábame moitos cómics (daquela chamábanse tebeos).
Todas as fins de semana, os sábados, polo xeral viña meu pai con cómics; agora os rapaces andades máis cos móbiles, as novas tecnoloxías, utilizades apps e videoxogos… cando eu era cativo o noso modo de diversión era ler cómics, ver algunha película no cine de cando en vez, ver series de televisión de debuxos animados e estar todo o día na rúa xogando.
Desde que teño “uso de razón” lembro que sempre houbo cómics na miña casa, tamén libros e outras cousas, pero os cómics entraron desde que eramos moi pequeniños.

En que te inspiras para facer as túas obras?
En todo. É unha resposta moi aberta, porque isto da inspiración… Eu creo que cando es creador non soamente de cómic, senón de cine ou calquera disciplina artística que sexa creativa, onde tes que crear historias… Por exemplo, agora o que está moi de moda son os videoxogos: a xente que fai videoxogos tamén ten que deseñar un guión, escribilo, deseñar os personaxes… entón eu creo que para calquera cousa creativa o que tes é que ter unha anteniña posta e fixarte no mundo que te rodea porque realmente a inspiración é calquera cousa onde poñas os ollos, non? Moitas veces estás en calquera sitio, non estás traballando, pero ves algo que de repente che acende esa chispa; imaxínate, vas ver un dolmen ao monte e, de repente, ocórreseche un guión sobre a xente da prehistoria que construíu eses dolmens…
A inspiración está ao alcance de todos pero deberiamos ter todos, para que nos veña, esa anteniña posta que se chama… curiosidade polas cousas, capacidade de observación, estar sempre atento a todo o que pasa ao teu arredor porque en calquera cousa pode haber un motivo para inspirarte e para contar algo, non? Aos seres humanos desde que viviamos nas cavernas gústanos que nos conten historias e gústanos tamén contar historias, entón eu creo que os que esteamos máis espertos aí, que sexamos máis observadores co mundo que nos rodea, pois imos atopar sempre máis cousas que nos inspiren que outros que estean todo o día vendo series de televisión e soamente fagan iso, ou que estean todo o día eu que sei… se estás todo o día aí intentado pescar unha troita pois igual se che queda cara de troita non sei… Hai que facer máis cousas, hai que combinar e ter os ollos abertos e andar ás troitas pero a máis cousas tamén.


Cal é o teu cómic preferido?
Non sabería dicirvos.
Porque a verdade é que a min gústanme moitos xéneros; son unha persoa, a nivel de lectura, tanto de libro (tradicional, de narrativa), como de cómic, como no tema do cine, tamén… de gustos moi abertos. E igual ás veces dáseme por tempadas, non? Ou dáseme por… imaxínate, hai unha tempada que se me dá por ver cousas de romanos e de aventuras, outra tempada igual póñome a ver cousas e ler cousas de misterio, terror… Gústanme todos os temas, son bastante curioso, entón, se tivese que elixir un cómic en concreto, igual o favorito que che diga hoxe non ten nada que ver co que che diría onte ou mañá.
(despois de pedirlle que nos recomende algún)
Si, podo dicirvos, por exemplo, un autor que me revolucionou mentalmente dende hai uns anos a esta parte. Eu desde pequeno tragaba moito cómic da escola de Bruguera que é de onde saíu Mortadelo e Filemón, Zipi Zape… e logo lía tamén moito cómic de aventuras (había unha serie de clásicos da literatura en cómic), entón tiña a idea de que para debuxar cómics había que debuxar moi ben. E a min houbo un autor que me rompeu totalmente os esquemas… e podo dicir que segue sendo dos meus favoritos: é Lewis Trondheim, ten unha serie destas tipo “espada y brujería” que se chama La Mazmorra, de moitos números, onde ademais vai colaborando con outros guionistas, outros debuxantes. Os seus guións son divertidísimos e traballa tanto a aventura como calquera outro xénero, e logo ten un debuxo moi sinxelo, que é o que a min me chamou a atención del: é capaz de contar grandes historias cun debuxo que podería facer, non un neno, pero case. Fíxome ver que non é necesario ser un gran debuxante para ser un bo autor de cómic… chega con ter claro a historia que queres contar, e facer uns debuxos que funcionen medianamente ben. E saber narrar ben con esas imaxes… diso xa falaremos no obradoiro que temos hoxe.
Entón, quedádevos con La Mazmorra, de Lewis Trondheim.

Cal foi a importancia das publicacións periódicas na «Banda Deseñada” en galego?
Creo que houbo varios factores… A min tocoume vivilo porque eu son da xeración xusto que empezamos. Eu fun estudante da escola de artes Pablo Picasso da Coruña, facía deseño gráfico porque no tema do cómic, non existe algo oficial para estudalo. Un pouco daquela o único referente que tiñamos era Miguelanxo Prado, que digamos que foi o primeiro autor de cómic galego que empezou a publicar en Barcelona, logo en Francia e noutros países. Alá polos anos oitenta apareceron unhas xornadas arredor do cómic en Ourense ás que empezamos a ir xente que daquela eramos moi mozos, igual tiñamos 18, 20, 21 anos… organizaban un concurso de cómic e a pouca xente que faciamos cómic en Galicia xuntabámonos alí unha vez ao ano. As xornadas fóronse repetindo e cando nos demos conta levabamos facendo iso en Ourense case 30 anos. Logo apareceu o salón de cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico que xa cumpriu máis de dúas décadas. Eu creo que eses dous eventos axudaron a que moita xente de repente en Galicia visibilizara o cómic como algo cercano, a que o cómic se fixese máis popular e se deixase de falar de que o cómic era soamente unha cousa para nenos como se dicía antes e… empeza a chegar a todos os públicos e moita xente viu que era posible vivir do cómic ou polo menos compaxinar a actividade do cómic con outras actividades de debuxo que che permitan vivir profesionalmente diso. Despois apareceron as primeiras editoras.

Cales son os teus proxectos de futuro?
Os meus proxectos de futuro son intentar morrer o máis tarde posible porque eu teño un gran problema: son capaz de crear tantos proxectos que non me dá tempo a facelos. Entón mentres estou facendo un proxecto gráfico, un cómic -agora estou tamén con cousas de animación en 3D-, a miña cabeza xa está bombardeándome con novas ideas, apuntando novos guións… sempre vou con cadernos porque senón logo esquéceste de todo. A miña mente é revolución pura e dura, e teño a sensación de que cando traballas moito a creatividade, o cerebro dáche máis do que podes chegar a facer fisicamente. Eu podo debuxar pero son máis lento debuxando que pensando todo o que podería debuxar… o meu maior desexo de momento é intentar vivir bastantes anos e coidarme (rise).

Unha vez rematada a entrevista, foi el quen nos preguntou se liamos cómic. Había algunha lectora de Miguelanxo Prado e tamén lectores de manga. Deste xénero díxonos que enganchou a moita rapazada, sobre todo mozas, porque conta historias moi variadas.