O martes 21 de novembro veu ao noso centro darnos unha charla aos alumnos de 4º da ESO e de 1º de Bacharelato Francisco Javier López (profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e coordinador do programa A Ponte da USC no Campus de Lugo).
Este enxeñeiro forestal falounos sobre as condicións que provocaron unha gran cantidade de incendios en pouco tempo (a chamada “regra do 30”: 30% de humidade, 30ºC e ventos de máis de 30km/h).
Ademais, mostrounos porcentaxes do número de incendios e hectáreas queimadas nas comunidades autónomas de España nos últimos 40 anos. Galicia é quen encabeza estas porcentaxes.
Considera que unha das principais causas dos incendios nesta comunidade autónoma é ter o monte sen coidar, posto que a masa forestal en Galicia non deixa de medrar e hai que controlala.
Mencionou tamén que, aínda que o máis habitual é considerar o lume como unha traxedia, tamén foi utilizado tradicionalmente para aspectos positivos como limpar terreos de cultivo ou abrir devasas.
Tamén nos contou as precaucións que se deben ter para facer lume: pedir permiso previo, non ir só, levar o móbil e facer un cerco de seguridade.
Desmentiunos algunhas ideas falsas que a xente ten ao falar dos incendios, como por exemplo que inflúe a Lei de recualificación de montes (teñen que pasar 30 anos despois do incendio) ou que son frecuentes os incendios supostamente provocados polos propios bombeiros ou brigadas para así ter máis traballo.
Finalmente, díxonos que a maior parte dos incendios son provocados por xente que non ten intención de provocalos senón que proceden do descoido da propia persoa ao facer o lume.