O día 29 xaneiro o alumnado de 3º e 4º da ESO realizamos unha visita ao parque eólico experimental de Sotavento, en Xermade.
Cando chegamos ao parque eólico xa nos estaban esperando os guías que nos ían acompañar durante toda a visita. Unha vez que se presentaron, pasamos a unha sala de proxeccións onde nos deron diversas aclaracións relacionadas coas enerxías e tamén nos explicaron que era Sotavento e que se facía alí. Ao acabar estas explicacións no exterior das instalacións deixamos a ferver leite nunha cociña solar para facer un chocolate que iamos tomar máis tarde.
Despois disto continuamos a visita con outro dos guías no edificio central de Sotavento. Alí deunos unhas explicacións sobre o funcionamento dos eólicos, sobre as distintas partes que os forman e fixo unhas aclaracións sobre o funcionamento das presas de auga que subministran electricidade. Proseguimos a excursión noutra zona das instalacións do parque eólico, na que puidemos ver parte dunha pa e unha “góndola” desmontada dun vello eólico. Puidemos comprobar que utilizaba mecanismos bastantes antigos respecto aos dos eólicos que se emprean actualmente en Sotavento. Despois saímos ao exterior para poder ver desde abaixo un eólico por fóra; tamén o vimos dende dentro, entrando nel. No interior o guía explicounos os distintos compoñentes que tiña e como teñen que subir as escaleiras os traballadores. Para finali zar, nas instalacións principais de Sotavento volvimos á primeira sala na que estiveramos, para ver un par de vídeos que nos amosaban como traballaban os operarios na “góndola” dun eólico, e despois de ver estas proxeccións fixemos un pequeno descanso no que tomamos o chocolate que deixaramos a facer anteriormente.
Unha vez que acabamos o descanso, para rematar a visita en Sotavento, dirixímonos con outro dos guías cara a unha vivenda bioclimática para saber que partes a compoñen, como podemos aforrar cun edificio destas características e os aparellos que hai no seu interior.
Foi unha saída moi interesante na que aprendemos moito sobre o traballo que se realiza nun parque eólico, e puidemos saber máis sobre as enerxías renovables, sobre como funciona un eólico e como podes aforrar na túa casa sabendo o consumo dos aparellos eléctricos que tes nela.
É unha visita moi recomendable.