O pasado mes de novembro, o alumnado de francés do IES de Quiroga, realizou diversas actividades para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as mulleres. Estas actividades consistían na elaboración dun mural coa forma dunha gran bolboreta violeta, acompañada dunha mensaxe central en lingua francesa: “NON À LA VIOLENCE” e ao seu redor dispuxéronse diferentes frases en repulsa contra a violencia de xénero.
Ademais, as alumnas de 1º Bacharelato acudiron á clase de 1º ESO para explicarlle ao alumnado dese grupo o porqué da conmemoración do 25 de novembro e tamén o simbolismo das bolboretas que lles foron repartidas para mostrar o rexeitamento cara á violencia de xénero e todo tipo de violencia.
Estes broches en forma de bolboreta utilizáronse para conmemorar a data do asesinato das irmás Mirabal, na República Dominicana, o 25 de novembro de 1960 (feito polo que a ONU instaurou esta data en relación).
A utilización da tonalidade violeta etá relacionada coa loita das mulleres e diferentes son as explicacións do porqué utilizamos esta cor. A versión máis aceptada é a que vincula esta cor cos feitos que sucederon nunha fábrica téxtil de EEUU a principios do s. XX, cando as traballadoras desta empresa se declararon en folga, e o dono da compañía rematou as mobilizacións de forma dramática, prendendo lume ao edificio, o que provocou a morte de máis de cen mulleres pechadas na fábrica. Nese momento as traballadoras estaban manexando teas violeta, de aí a cor característica da loita feminista.
A activista inglesa do século XIX, Emmeline Pethick, explicábao desta maneira: “O violeta, a cor dos soberanos, simboliza o sangue real que corre por as veas de cada loitadora polo dereito ao voto, simboliza a súa conciencia da liberdade e da dignidade.”