Na década dos 50 revelar unha fotografía non era unha tarefa doada e para realizala empregábanse diferentes instrumentos; as fotos eran en branco e negro. Nos nosos días, cando xa case non se revelan fotografías, a tecnoloxía permítenos realizar e enviar fotografías a persoas de calquera parte do mundo de xeito sinxelo e en moi pouco tempo. Esta mesma tecnoloxía é a que lle permite a Susana amosar ao mundo as fotografías tomadas polo seu pai, Carlos Díaz Gallego, entre o 1958 e o 1962 no val de Quiroga.
Díaz Gallego naceu na parroquia quiroguesa da Ermida no ano 1927 e con 31 anos, no 1958, comezou a exercer a profesión de fotógrafo, que ata entón fora só unha afección. Durante catro anos percorreu diversos recunchos do val na procura das imaxes que hoxendía forman o seu arquivo fotográfico, no que hai instantáneas de todo tipo: festexos, o cine de Quiroga, transportes, paisaxes e moitos retratos, tanto colectivos como individuais. As súas imaxes están todas realizadas nas rúas, xa que Carlos non dispoñía de estudio fotográfico, só tiña un laboratorio onde revelaba as fotografías. As técnicas de revelado aprendeunas el mesmo, a partir de revistas de fotografía e dos consellos que lle daban nos Estudios Grandío de Lugo, lugar ao que acudía a mercar o material.
A principios dos anos 60 irromperon as imaxes en cor e para Carlos Diaz foi imposible facer fronte aos gastos que xeraba revelalas. O negocio xa non era rendible e viuse obrigado a emigrar. Machou a París en 1962, alí traballou como mecánico e na actualidade segue residindo nas aforas da capital francesa.
En outubro de 2015, Susana Díaz Gallego, a súa filla, puxo en marcha As fotos do Carlos, una web que recolle as imaxes que realizou o seu pai durante a súa etapa como fotógrafo. O portal ten varias seccións, ademais as imaxes están clasificadas segundo a parroquia na que foron tomadas e nalgunhas incluso aparece o nome das persoas que saen nas mesmas. Para isto é imprescindible a colaboración dos veciños da comarca de Quiroga, que toman parte a través dunha páxina de Facebook do mesmo nome cá web e que xa conta con case 600 gústames.