Dende primeiros de novembro no IES de Quiroga atopamos unha exposición titulada »A Viaxe da Ciencia»: Como o seu propio nome indica trata deste ámbito do saber (científicos, expedicións, teorías, experimentos…). Divídese en dúas zonas: unha na planta baixa e outra no seminario de Bioloxía.
Nas paredes do corredor da planta baixa do IES dispuxéronse unha serie de carteis sobre a biografía de Darwin, as súas investigacións (a súa viaxe do Beagle, a teoría da evolución), o darwismo en España e a súa repercusión posterior a nivel internacional. Estes carteis están relacionados coa conmemoración do Día da Ciencia en galego, que este ano abordou as figuras de Darwin e Fontán. Domingo Fontán (1788-1866) foi un ilustrado galego, matemático, político e xeógrafo, coñecido por ser o autor do primeiro mapa topogáfico e científico de Galicia.
Tamén na planta baixa están expostos unha serie de libros que hai na biblioteca en relación coa ciencia e a exploración (Sabias, Einstein, Primates, Marie Curie, Marco Polo, etc).
Por último, na zona das escaleiras hai un espazo onde atopamos elementos conectados cos investigadores e investigadoras, como maletas e mapas, que simbolizan as súas viaxes; sobre unha mesa hai fichas con algúns datos biográficos de científicas e científicos destacados, no interior de botes que recordan os do laboratorio. Algunha das persoas reseñadas son Jane Goodall, Sophie Germain, Albert Einstein, Ada Bryon ou Stephen Hawking, a nivel internacional; tamén hai referencia a outros galegos/as, como por exemplo Ramón Mª Aller, María Wonenburger e Inmaculada Paz Andrade.
Xunto a isto encontramos un taboleiro dedicado a exploradoras e exploradores como Marco Polo, Gertrude Bell e Domingo Fontán, entre outros.
A outra parte desta exposición científica sitúase no departamento de Bioloxía, onde atopamos unha serie de libros sobre botánica e ciencia. Algúns algúns deles moi antigos, obra de autores con gran vínculo con Galicia e con Quiroga: trátase de Ramón María Aller no campo da astronomía, Luís Urteaga, no da ecoloxía humana ou Baltasar Merino, que a pesar de non ser galego, é un clásico da botánica galega.
Ademais, neste departamento realizáronse distintas visitas guiadas para o alumnado onde o profesor desta materia, José Espinosa, foi explicando diferentes aspectos sobre a ciencia ao longo da historia.